Friday 19 de April de 2024

A Xunta apoia o turismo de negocios e eventos con estratexias para a súa reactivación en congresos presenciais ou virtuais


O vicepresidente primeiro asinou un convenio coa Asociación de organizadores profesionais de congresos de Galicia para poñer en marcha accións de desestacionalización, captación de novos eventos e dixitalización

O vicepresidente primeiro da Xunta asinou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación de organizadores profesionais de congresos (OPC) de Galicia para poñer en marcha accións de reactivación do sector trala crise sanitaria e coa vista posta na recuperación dos eventos congresuais no presente ano e no 2022.

O obxectivo desta colaboración, que se traduce por parte da Xunta nunha achega de 123.420 euros, é impulsar novas estratexias que axuden a desestacionalizar o coñecido como turismo de negocios e eventos, captar novos mercados e impulsar a dixitalización do sector. Con esta iniciativa se pretende, por unha banda, habilitar os platós virtuais como ferramenta alternativa á celebración de congresos presenciais nas tres sedes de referencia en Galicia: Palexco na Coruña, Palacio de Congresos en Santiago e Auditorio Mar de Vigo, na cidade olívica. Por outro lado, o acordo permitirá establecer un fondo económico de contratación de espazos e sedes para non ter que anular ningunha convocatoria.

A este convenio se suma unha achega habilitada hai unhas semanas pola Xunta para a celebración de eventos congresuais no presente ano e no 2022. Trátase dunha colaboración co sector que xa estaba aberta antes da crise e que neste exercicio renovouse por un importe de 650.000 euros, un 20% máis que na anterior convocatoria. Deste xeito, a Xunta destina este ano case 800.000 euros ao turismo de negocios e eventos para a súa reactivación trala crise sanitaria.

O sector beneficiouse tamén das axudas habilitadas o ano pasado no primeiro plan de reactivación do sector turístico e cultural, cun acordo por valor de 200.000 euros para o portal Galicia MICE, a creación dun estudo on line para captar eventos virtuais e un fondo de reserva para a celebración de este tipo de encontros.